viernes, noviembre 22, 2024
InicioActualidadeDeportesO mosense, Ismael Lago, acada o podio no Europeo de Dúatlon

O mosense, Ismael Lago, acada o podio no Europeo de Dúatlon

O Concello de Mos acolleu hoxe a recepción ao duatleta mosense, Ismael Lago Monroy. O deportista vén de realizar unha gran campaña este ano 2024.No acto estiveron presentes a alcaldesa, Nidia Arévalo, o tenente de alcaldesa, Camilo Grandal, a concelleira de Deportes, Feli Rodríguez, e demais membros da Corporación Municipal.

Ismael é natural da Veigadaña, na parroquia de Petelos, ten 39 anos, e é Policía Nacional de profesión. Comezou a competir en dúatlon con 28 anos e vén de eixirse en Coimbra como Subcampión de Europa de Dúatlon.

Compite co Club Tríatlon Poio e co Club San Miguel de Marín. Entre os seus logros deportivos neste 2024 están o recén acadado subcampionato europeo co Club Tríatlon Poio representando a España e segundo posto no Campionato de Europa de Dúatlon Sprint na categoría GGEE 35/39 realizado na cidade portuguesa de Coimbra.

Este resultado súmase a unha gran tempada onde o atleta, adestrado por Daniel Mouriño, tamén logrou os subcampeonatos na categoría Máster 35 no Campionato Galego de Campo a través e no Campionato Galego de Milla Urbana, nestes dous últimos casos representando ao Club San Miguel de Marín.

Neste senso Arévalo, rexedora local, destacou “o gran mérito de Ismael, que compaxina o desenvolvemento dunha actividade deportiva de alto nivel cunha práctica profesional enormemente comprometida e coa súa familia. É, polo tanto, exemplo de esforzo e superación tanto no deporte como na vida persoal”.

Ademais, salientou a alcaldesa “o orgullo que supón para o Concello de Mos contar con deportistas da categoría de Ismael e a gratitude cara el e cara a todos eles por representar a Mos e levar o noso nome polo mundo adiante e ao máis alto dos podios deportivos”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS