viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasLouriñaMos pasa a formar parte do proxecto "Vilas en Flor"

Mos pasa a formar parte do proxecto «Vilas en Flor»

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Medio Ambiente, Laura Méndez, informaron de que o Concello de Mos, municipio da rosa por antonomasia, xa forma parte da Rede Vilas en Flor Galicia á que pertence xunto con outros 39 municipios galegos.

Mos comezou a tramitar a entrada no proxecto Vilas en Flor o pasado 28 de maio. De feito, unha membro deste proxecto xa formou parte do xurado no Concurso de Rosas da Festa da Rosa o pasado 13 de xuño.

As representantes locais, Arévalo e Méndez Senlle, anunciaron de que os integrantes do xurado executivo da Rede Vilas en Flor visitará Mos o vindeiro outono, entre os meses de setembro e outubro, para valorar o municipio baseándose en criterios de avaliación tales coma a mellora e potenciación dos espazos verdes urbáns, a súa xestión sostible, a concienciación cidadá, a educación ambiental e a creación dun entorno propicio para a recepción e estancia, tanto dos residentes como dos visitantes e turistas. En base a esa valoración, dirimirán se Mos é merecedor dun dos recoñecementos que outorga a entidade en forma de «Flores de Honra».

As zonas axardinadas de especial mención que o Concello salienta no seu proxecto son as contornas do Pazo de Mos e da Casa Consistorial, e a zona dos muíños e a Biblioteca Municipal María Magdalena, na Porteliña; entre outras áreas destacadas como sendeiros e zonas verdes como o Sendeiro dos Muíños da Salgueira en Pereiras ou o Paseo do Louro.

O movemento Vilas en Flor comezou no ano 2018 da mán da Fundación Juana de Vega, Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR) e da Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR) que aglutinan a máis de 100 empresas galegas.

Trátase dun proxecto de carácter internacional (Francia-Villes et Villages Fleuris, Italia-Comuni Fioriti, Reino Unido-Britain in Bloom, Irlanda-Tidy Towns ou Canadá-Communities in Bloom), apoiado pola Xunta de Galicia da man do Instituto de Estudos do Territorio e da
Consellería do Medio Rural, que pretende poñer en valor os municipios galegos mediante a calidade dos espazos verdes.

Tal e como o Concello de Mos vén poñendo en práctica desde o Plan Municipal «CoidaMos», os seus obxectivos son promover a protección, mellora e posta en valor dos espazos verdes nos municipios de Galicia e contribuír con iso a mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e a súa cohesión social; mellorar a imaxe dos municipios e os seus encantos para visitantes e turistas; xerar espazos de formación, reflexión e debate ao redor da xestión sostible; promover os espazos verdes como punto de encontro de relación sociais interxeracionais; e mellorar a conciencia social cara ás políticas de sustentabilidade ambiental e potenciación dos espazos verdes.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS