viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsActualidadeA Deputación de Pontevedra firmará tres convenios co Concello de Vigo por...

A Deputación de Pontevedra firmará tres convenios co Concello de Vigo por valor de 6,2 millóns de euros

A institución provincial salva para a cidade as partidas que estaban a piques de caducar correspondentes aos proxectos asinados na etapa do bipartito que o Concello non foi capaz de executar

A Deputación de Pontevedra firmará tres novos convenios co Concello de Vigo por un importe de 6,2 millóns de euros, cunha achega de preto do 70% de fondos provinciais. É a solución proposta pola institución pontevedresa para rescatar as partidas que estaban próximas a caducar correspondentes aos proxectos que o Concello non foi capaz de executar, a pesar da modificación do convenio que o anterior goberno provincial realizou en xuño de 2023 estando xa en funcións. Unha medida que salva investimentos para a cidade que doutro xeito se perderían, tal e como especificou a vicepresidenta Luisa Sánchez.


Así o acordaron ambas administracións coincidindo coa celebración da última comisión de seguimento do convenio bilateral a pasada semana, representada no caso da institución provincial pola vicepresidenta Luisa Sánchez e a deputada María Ramallo, e reunida co obxectivo de analizar o estado dos acordos cuxos prazos se esgotan o vindeiro 31 de decembro. Proxectos que, cómpre salientar, nalgún caso nin sequera se chegaron a iniciar pese a remontarse ao 2021.


Segundo aclarou Luisa Sánchez, a baixa execución orzamentaria do Concello vigués en parte das obras cofinanciadas polo Goberno provincial obrigou a buscar unha “solución excepcional” para evitar a perda destas partidas. Referiuse así ao esforzo administrativo dos técnicos da Deputación por resolver este escollo, e defendeu que o seu compromiso sempre foi cumprir con Vigo e que os investimentos non se viran minorados.


En canto aos novos convenios, que serán financiados cos fondos da Deputación e poderían quedar firmados xa este verán, a vicepresidenta provincial citou no marco do Vigo Vertical as ramplas mecánicas na rúa do Pintor Colmeiro entre as rúas de Álvaro Cunqueiro e Tarragona (2,82M€) e a mellora da accesibilidade na rúa Juan Ramón Jimenez, entre Marques de Valterra e Torrecedeira (1,14M€). O acordo inclúe asemade a humanización da rúa San Roque entre as rúas de Gregorio Espino e Reiseñor (2,27M€).


En canto a primeira das intervencións, actuarase sobre un tramo de 138 metros entre as rúas Álvaro Cunqueiro e Tarragona, instalando ramplas mecánicas, ampliando as beirarrúas e substituíndo as luminarias actuais. Esta actuación derivará nunha mellora considerable da mobilidade e seguridade de peóns e vehículos, aproveitando a actuación para renovar as redes de saneamento e abastecemento. Esta previsto que esta obra comece no primeiro trimestre do vindeiro ano cun prazo de execución 11 meses.


Respecto á mellora da accesibilidade na rúa Juan Ramón Jiménez, contempla a instalación dun ascensor exterior para esquivar o desnivel entre Marqués de Valterra e Torrecedeira. Asemade, aproveitarase para ampliar beirarrúas; renovar as canalizacións, a pavimentación, o alumado e o mobiliario urbano; e instalar unha rede de pluviais e novas columnas semafóricas. Neste caso, o inicio das obras está tamén previsto entre xaneiro e marzo do 2025, cun prazo de execución de 8 meses.


Xa por último, a humanización da rúa San Roque na contorna da Doblada abarcará un tramo de 247 metros, entre as rúas de Gregorio Espino e Reiseñor. Unha actuación que ten un prazo de execución de 10 meses e que está previsto iniciar no primeiro trimestre do 2025. En canto a intervención, contémplase unha importante distribución dos espazos coa creación dunha praza entre San Roque e Couto de San Honorato, ademais de renovar a pavimentación do viario e as beirarrúas, a rede de abastecemento, saneamento e alumeado público e instalar rego automático nas novas zonas axardinadas. A intervención preservará o sentido único de circulación actual e reservaranse prazas de estacionamento nas rúas Talude e Avenida Alcalde Gregorio Espino.


Compromiso con Vigo
A sinatura destes convenios, que podería realizarse este mesmo verán, materializa o compromiso da Deputación de Pontevedra coa cidade de Vigo, que no seu primeiro ano de goberno comprometeu máis de 30 millóns de euros de investimento en Vigo. Entre estas achegas atópanse actuacións transformadoras para a cidade, como a culminación da reforma do estadio de Balaídos coa mellora da grada de Gol (13M€) en convenio co Concello e a adquisición do Cine Fraga para a súa recuperación e posta a disposición dos vigueses en colaboración coa Xunta de Galicia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS