O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu o seu visto e prace á contratación das obras de rehabilitación de catro edificios para crear 14 vivendas para alugamento social no núcleo histórico da cidade de Ourense e nos núcleos das vilas de Ribadavia e Tui.
O titular do Executivo autonómico sinalou que unha das liñas da política de vivenda da Xunta é apostar pola rehabilitación, especialmente nos cascos históricos, o que ademais permite “darlles vida e evitar a súa degradación”.
As actuacións, cuxa licitación autorizou hoxe o Goberno galego, suporán un investimento global de preto de 3,2 millóns de euros.
A contratación das obras realizarase por lotes co obxectivo de rehabilitar estes catro inmobles adquiridos pola Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), no marco do Programa Rexurbe, por un importe de 633.359 euros.
Todas as vivendas rehabilitadas serán cualificadas como de promoción pública, polo que pasarán a formar parte do parque de vivendas propiedade da Xunta e serán adxudicadas en réxime de alugamento social, para o que se recorrerá ás persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia.
A licitación destes contratos autorizados hoxe polo Executivo autonómico dividirase en tres lotes distintos, un por municipio. En conxunto, o obxectivo é habilitar un total de 14 vivendas, e inclúese a habilitación de 14 rochos e 3 de locais.
O lote primeiro correspóndese coa contratación das obras de rehabilitación integral de
dous edificios na cidade de Ourense. Os inmobles nos que se vai a actuar están situados na praza de Manuel Sueiro e na rúa Pelaio, ambos no núcleo histórico da cidade de Ourense.
No concello de Ribadavia o obxectivo é realizar traballos nun edificio situado na praza García Boente para destinalo a 5 vivendas de promoción pública, 5 rochos e 1 local. Esta edificación está situada en solo cualificado como solo urbano consolidado, dentro do ámbito do núcleo histórico de Ribadavia.
No caso de Tui, na provincia de Pontevedra, proponse a contratación das obras de rehabilitación integral dun inmoble na rúa Bispo Castañón, para dedicalo a 3 vivendas de promoción pública, 3 rochos e 1 local. Esta edificación está situada en solo cualificado como solo urbano consolidado, dentro do ámbito do núcleo histórico da vila. A superficie construída é de 663,4 m2 e o orzamento de licitación da obra supera os 692.000 euros.
Todos os proxectos compren o Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se
regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social
do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En concreto, teñen en conta as
prescricións sobre eficiencia enerxética, consumo de enerxía non renovable,
circularidade e xestión de residuos, que se reflicten no dito decreto.