domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoTomiño renova o proxecto educativo EncaixaT

Tomiño renova o proxecto educativo EncaixaT

Tomiño continúa o seu labor para converterse nun referente en políticas de infancia e adolescencia. O Goberno municipal aprobou en pleno a renovación do convenio de colaboración con Aldeas Infantiles para dar continuidade ao proxecto educativo EncaixaT-Centro de Proximidade.

Trátase dun programa pioneiro que implica unha atención integral, atendendo ás necesidades educativas, ao apoio psicolóxico e incluíndo ás familias para que a rapazada tomiñesa poida vivir integrada e feliz na súa contorna.

Como explica a alcaldesa, Sandra González, con esta iniciativa o Concello continúa amosando o seu compromiso coa infancia e a adolescencia, “coordinando recursos e fomentando sinerxías para prestar un servizo que non só permita atender ás necesidades de cada neno e nena pensando no que precisa e nas características familiares e da contorna, senón que nos permitirá achegar recursos ás e aos usuarios evitando que teñan que desprazarse fóra de Tomiño e favorecendo a súa inclusión social”.

Deste xeito, o Goberno municipal aprobou un convenio polo que se destinará un orzamento de 18.000 euros a este proxecto para o vindeiro 2024/2025, aos que se suman outros 19.000 euros que achega Aldeas Infantiles.

Ao longo do curso 2023/2024, pasaron polo programa 27 menores e 22 familias. Ambos os dous grupos acoden cinco días á semana durante dúas horas, onde se combina o apoio escolar con actividades de lecer, prestando, ademais, apoio psicolóxico nos casos que o precisen.

EncaixaT é un centro de proximidade “co que se busca mellorar a igualdade de oportunidades dos e das menores en situación de risco e vulnerabilidade que forman parte do Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF) e consígueo a través dunha metodoloxía de intervención innovadora, con atención integral a infancia e mocidade, tendo sempre en conta as súas necesidades de apoio escolar, lecer educativo e apoio psicolóxico para mellorar as súas condicións de vida e a das súas familias”, salienta o concelleiro de Benestar Social, Rubén García.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS