lunes, noviembre 25, 2024
InicioNewsActualidadeAzorín e a súa obra protagonizarán o primeiro curso de verán da...

Azorín e a súa obra protagonizarán o primeiro curso de verán da UNED en Ponteareas

A UNED presentou o primeiro curso de verán que se celebrará os 22, 23 e 24 de xullo na súa sede da Praza Maior

Vinte horas lectivas repartidas en tres días promoverán o coñecemento da vida e obra de José Martínez Ruiz, Azorín. Con este primeiro curso de verán o Concello de Ponteareas estreará a súa sede da extensión da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED).

“Os días 22, 23 e 24 de xullo estudosos e expertos da figura do que foi deputado por Ponteareas, Azorín, achegaranse a impartir clases e difundir coñecemento. A estes profesionais, chegados de distintos puntos de España, sumarase un nutrido grupo de alumnas e alumnos. Abrimos así as portas non só a ofrecer un novo servizo público para formarse tamén unha nova vía para dar a coñecer a nosa vila a persoas que deixarán pegada cultural, investigarán sobre cuestións relacionadas con Ponteareas e multiplicarán o nome da nosa vila”, sinalou a alcaldesa, Nava Castro.

A sede da extensión da UNED “é un broche de ouro” á ampla oferta educativa que existe en Ponteareas, segundo salientou a concelleira de Urbanismo, Silvia González, que adianta que as obras estarán rematadas para o comezo do curso, un novo impulso de vida para a Praza Maior.

Víctor González, director da UNED en Pontevedra e director do campus noroeste da UNED e Alfonso Vázquez, subdirector económico da UNED, presentaron este primeiro curso de verán que terá a inscrición aberta ata o día previo ao comezo e felicitaron ao Concello polo seu empeño en contar cunha extensión da maior Universidade de España.

“Este é o primeiro curso de verán que ofreceremos, o primeiro de moitos que agardamos que satisfagan as inquedanzas e necesidades de coñecemento da cidadanía. Quero felicitar á alcaldesa e ao Concello polo seu empeño en ampliar a oferta formativa e ofrecer actividades culturais de calidade”.

No acto de presentación estiveron presentes medios de comunicación, representantes de clubs de lectura locais e escritores e xornalistas que puideron conversar cos responsables da UNED e pór en común posibles temas a abordar en vindeiras actividades e cursos.

A alcaldesa describíu como “moi enriquecedor” este momento distendido de posta en común de necesidades e recursos “moi produtivo e que seguramente faga posible futuras alianzas nun exercizo de compartir e traballar en equipo”. Nava Castro quere agradecer a boa dispoñibilidade da UNED e a atención prestada abrindo vías de colaboración e acollendo con cariño as ideas plantexadas.

Esta actividade permite ao estudante participar con asistencia presencial ou asistencia en liña en directo ou en diferido, sen necesidade de ir ao centro e está dirixida a profesorado de ensino medio, filólogos, afeccionados á literatura, estudantes e público interesado. Rematar satisfactoriamente o curso compensará coa obtención dun crédito ECTS.

Explicaron dende a UNED que se trata dun curso con gran nivel académico, no que se tratou de combinar o rigor filolóxico, a biografía do personaxe e o seu círculo familiar e algúns aspectos destacados da súa produción. “Trátase de actualizar o coñecemento de Azorín, como el facía cos clásicos e, en certo xeito, recuperar unha obra exquisita e hoxe mal coñecida”.

Exposicións orais de 45-60 minutos de duración; acompañadas moitas delas con proxección de imaxes; preguntas e debate de 30 minutos aproximadamente, facilitando copias dos relatorios con anticipación e proxección do documental “Azorín. A imaxe e a palabra, producido pola Deputación de Alacante e coproducido por RTVE, facilitándose ás e aos matriculados varias publicacións sobre o noso autor.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS