lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoFillas de Cassandra actuará no Rosal polas Festas de Verán do Pilar

Fillas de Cassandra actuará no Rosal polas Festas de Verán do Pilar

O Rosal prepárase para unhas Festas de Verán do Pilar por todo o alto. A partir do 24 ata o 26 de xullo, O Rosal desfrutará dunha amplia programación que mestura o lecer, música, deporte e convivencia na Praza do Calvario.

A súa alcaldesa Ánxela Fernández salienta que “grazas como cada ano á colaboración e implicación de todas as asociacións que participan na organización de tres xornadas cheas de propostas para todos os públicos coas que desfrutar das nosas festas tradicionais”.

A programación da festa comezará o mércores 24 coa sexta edición do tradicional Festival Xente Xida. A partir das 20:00 horas, o público desfrutará da música tradicional da man de BG Paramos, Airiños do Cereixo e Os Terribles Donas acompañados polo Trebón dos Xidos e Xente Xida. Os asistentes, ademais, poderán degustar de diferentes propostas gastronómicas a prezos populares.

A xornada do xoves iniciarase ás 16:00 horas co torneo de xadrez. Tras el, terá lugar unha nova edición do Encontro dos Pobos, o festival folclórico internacional máis veterano da comarca organizado pola Asociación O Lusco e Fusco. Xa ás 22:00 horas chegará a quenda do prato forte das Festas de Verán do Pilar, o concerto de Fillas de Cassandra coa Agrupación Musical do Rosal.

O broche de ouro ás Festas de Verán do Rosal chegará da man dos Netos do Rosal, que encherán de humor e retranca a Praza do Calvario a partir das 21:30 horas. Ao remate, o público poderá gozar da actuación de DJ’s.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS