«Se os programas de actividades das feiras dos libros optaran a premios, o desta edición de Ponteareas subiría ao podio», así resume a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, o contido da programación para a súa Feira do Libro.
Dende o xoves 11 ata o domingo 14 de xullo, os Xardíns da Xiralda acollerán esta nova edición na que haberá actividades para todos os públicos como visitas guiadas, actuacións teatrais e musicais, recitais poéticos, presentacións de libros, entre outras propostas.
A Feira do Libro de Ponteareas traerá a máis de 30 escritores e escritoras galegos como son Alfonso Pexegueiro, Ledicia Costas, Iolanda Castaño, María Solar, Xina Vega ou Manuel Esteban. Ademais, apostan polos novos escritores e escritoras emerxentes como Cristina Rey, Beatriz García Turnes, Samuel Merino, Óscar Guzmán ou Xulio Teixeira.
Manrique Fernández, responsable do programa de actividades, destacou que esta listaxe de autores se complementa «cunha variedade de materias para todos os gustos e para todas as idades».
Programación
Ás 18:00 horas do xoves dará comezo a programación cun espectáculo infantil e de seguido, iniciarase a sinaturas de libros e presentacións de Samuel Ferro e Santiago Pazhín. Ás 20:00 horas terá lugar a lectura do pregón a cargo do escritor ponteareán Alexandro Bouzó. A continuación, ás 21:00 horas, a escritora e xornalista, María Solar, presentará “Adeline” da editorial Xerais, unha homenaxe a Carmilla, a primeira vampira literaria que se presentou ao mundo hai máis de século e medio, antes de Drácula.
O venres día 12, a Feira do Libro de Ponteareas abrirá ás 12:00 horas con máis sinaturas de libros e presentacións ata ás 22:00 horas. Nesta xornada participarán Xina Vega, Diego D. Fer, Baia Fernández, Beatríz García, Alba López, Raquel Castro, Cristina Rey, Óscar Guzmán, Sandra Acuña e Carmen Pereiro.
O sábado de mañá haberá un recital de poesía galego-palestina, a sinatura de libros de Samuel Ferro e Sara Alonso e a presentación do libro de Xulio Teixeira, “As vidas do río”. Pola tarde, asinarán as súas obras Alba López, María Herranz, Raquel Castro e Juan Abalde e realizarán a presentación dos seus traballos os escritores, Ledicia Costas e Manuel Esteban ás 19:00 e 21:00 horas, respectivamente. Ese mesmo días, ás 20:00 horas, realizarase o recital de poesía que ofrecerá a poetisa, guionista e presentadora de televisión, Iolanda Castaño.
O domingo será o último día, dende as 12:00 horas ata as 22:00 horas acollerá actividades infantís, sinaturas de libros con Inma Soto, Raquel Fernández e Pablo Prado; ademais da presentación das obras de Samuel Merino e Luís Soto. Ás 20:00 horas, chegará unha das novidades do programa co encontro entre autor e personaxe “Os ollos de Iqbal choraban”, onde Alfonso Pexegueiro conversará co protagonista de “Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes” (Lumbría).
A Feira do Libro de Ponteareas pechará coa presentación do libro “Fermín Bouza Brey” da colección “Creadores ponteareáns” do Concello de Ponteareas acompañada dun recital de poemas de Bouza Brey.