viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasVal de MiñorXa está en marcha o "Nigránbus"

Xa está en marcha o «Nigránbus»

Este fin de semana comezou a funcionar o servizo de autobus lanzadeira que vai dende Porto do Molle ata a zona de Praia América-Lourido en só 10 minutos. Con este obxectivo estreouse a lanzadeira experimental ‘Nigranbus’ do Concello de Nigrán que funcionará todos os sábados, domingos e festivos de xullo e agosto en horario de 11:00 a 21:00 horas.

Desta forma, conectase de xeito directo, cada 10 minutos, o parque empresarial (parking da rúa das Pontes) e a praia (rúa Rans). O resto da semana esta liña intramunicipal, que creouse no 2022 polo Concello de Nigrán, seguirá co seu percorrido habitual de Chandebrito a Priegue pasando por todas as parroquias, incluíndo a parada na praia.

«Os principais beneficiados serán os veciños das parroquias do interior, que aforrarán en tempo e en gasolina, resultando ademáis un modelo de mobilidade moito máis sostible», explica o alcalde, Juan González, en referencia ao problema de aparcar preto da praia e ao propio custe do Nigranbus, xa que tras conseguir o goberno local que a liña fose incluída como ‘Servizo de Interese Municipal’ (SIMU) dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, este beneficiase de todas as bonificacións que lle corresponde coa devandita tarxeta de usuario, é dicir, supón 0,70 ou 0,40 céntimos por traxecto se é unha viaxe habitual, gratis para xubilados e menores de 21 anos e trasbordos incluídos. No caso de non contar con esta tarxeta a tarifa sería de 1,55 €.

Deste xeito, en xullo e agosto, os sábados, domingos e festivos o mesmo autobús empregado para o «Nigranbus» de luns a venres estará realizando de xeito circular e directo o percorrido que une a rúa das Pontes e Praia América.

«O tempo estimado de percorrido é de 10 minutos, así que calquera usuario poderá achegarse a parada sabendo que, como máximo en 10 minutos, estará subindo ao autobús. Non cabe dúbida de que aforras moitísimo tempo con respecto a achegarte co teu propio coche en fin de semana», explica Diego García, edil de Mobilidade e impulsor desta iniciativa. «Calquera persoa pode empregar esta lanzadeira, pero está claro que os máis beneficiados serán os veciños e veciñas das parroquias máis afastadas da costa, como é Chandebrito, Camos e Parada. Estes deixarán o coche cómodamente en Porto do Molle, que ademais é un punto intermedio de camiño a súa casa que non implica un maior desvío», explica García.

A fórmula de integrar o Nigranbus no Plan de Transporte Metropolitano significa que se fai cargo a actual concesionaria Lugove a cambio de que o Concello achegue un cánon anual de 80.000 € máximo á Xunta, cantidade que agora aumentará en 10.000 € máis para levar adiante este novo servizo.

«Ten outra vantaxe engadida esta lanzadeira: cremos que quen se anime a subir ao Nigranbus para ir á praia o fará tamén o resto do ano e entre semana, é un xeito de animar á xente a romper coa rutina e, neste caso, resulta evidente que é o medio de transporte máis cómodo», reflexiona o alcalde, Juan González, e que incide que «en calquera caso, o Nigranbus é un servizo que non se mide en termos de sostibilidade económica, se non en beneficio social para a veciñanza que carece de transporte privado».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS