O goberno de Ponteareas deu conta en rolda de prensa do seu primeiro ano de goberno de “lealdade e respecto entre socios e coa cidadanía de Ponteareas”. Así resumía alcaldesa e primeiro tenente de alcaldesa estes 365 días ao fronte do Concello de Ponteareas.
“Xestión e compromiso son as claves para hoxe lanzar os máis de cincuenta feitos cumpridos”, destaca o tripartito, considerando que “o cambio que está experimentando a villa” é froito dunha fórmula que chamaron “da deixadez ao cariño”.
Cun orzamento de vinteún millóns de euros e o apoio para investimentos da Deputación e da Xunta de Galicia e 23.500 habitantes aos que dar servizos, o goberno de Ponteareas conseguiu aprobar un orzamento para 2024 en tempo e forma, rematar edificios para usos públicos como o Centro de Emprendemento; facer de titularidade municipal a nave de Aceros del Tea futuro mercado municipal; implantar un Programa Integrado de Emprego para 100 beneficiarias/os e conseguir en tan só seis meses de un 40% de inserción; desenvolver o Plan Xeral para facer viable e dar seguridade garantía ao solo industrial da Lomba; conseguir fondos e redactar o proxecto para a nova escola infantil; a mellora enerxética da residencia de maiores; crear unha nova ludoteca; remodelar os vestiarios de Pardellas; reparar a cuberta dos dous pavillóns municipal e da piscina; un campo de tiro, incrementar as axudas para as traídas de augas; adxudicar a primeira fase de saneamento de Ribadetea; duplicar a partida para baleirado de fosas sépticas; obter a bandeira de Sendeiro Azul para a Freixa e o certificado de Vilas en Flor; ter unha sede da extensión da UNED e unha residencia de Artistas; melloras nos centros educativos, recuperar a oficina de información xuvenil; facer realidade un novo centro de saúde ou reforzar os servizos de atención temperá así como dotar o campo de fútbol de San Mateo de novo céspede.
“Pequenos e grandes proxectos pero todos eles de igual importancia porque para nós o primeiro son as persoas e as súas necesidades. Temos a responsabilidade de facer todo o posible para dar calidade de vida. O noso papel é buscar os apoios, planificar e buscar os recursos para dar solucións. A cidadanía confiou en nós e traballamos cada día para que Ponteareas sexa un lugar mellor no que vivir”, sinalou a alcaldesa, Nava Castro.