Tomiño quenta micros para acoller unha nova edición de ‘Operación Triunfiño’, unha experiencia de formación musical única dirixida a toda a mocidade tomiñesa interesada en achegarse ao mundo da canción e seguir aprendendo da man de profesionais.
Tras o éxito das dúas primeiras edicións, a OMIX de Tomiño pon en marcha un novo encontro no que a rapazada se formará a carón da artista Mónica de Nut a través dun completo programa en técnica vocal no que aprender a desenvolver a súa actitude escénica e ampliar o seu repertorio, fomentando o talento local e brindando unha oportunidade a novas promesas.
A formación realizarase do 9 ao 12 de xullo na Praza Cultura de Goián, en total 15 horas de aprendizaxe distribuídas en catro sesións en horario de mañá, de 10.00 a 13.30 horas. O proxecto rematará cun gran concerto final o domingo 14 de xullo ás 12.00 horas na carballeira do Auditorio Municipal no que a rapazada amosará ao público xeral todo o aprendido durante a súa formación.
A formación terá un prezo de 15 euros e as persoas interesadas poden xa inscribirse a través do formulario habilitado na web municipal.