O CEP Carlos Casares de Alxén, en Salvaterra de Miño, acaba de estrear un mural con debuxos do alumnado, transformando «un simple cartel de obra, nun precioso mural», segundo apuntan dende o concello.
A iniciativa xurdiu por parte da Alcadesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, membro do Consello Escolar cando, nunha das súas visitas ao colexio, propuxo transformar un cartel da Xunta de Galicia, onde se anunciaba o cambio de cuberta do centro, nun mural feito con debuxos do alumnado.
Tanto o claustro como o alumnado acolleu a proposta con entusiamo, segundo explican dende o Concello, e mediante un concurso no que participaron todos os nenos e nenas do colexio, seleccionáronse as obras expostas no cartel que se atopa na valado de entrada ao recinto escolar.
Con esta actividade conxunta móstrase, unha vez máis, a boa sintonía existente entre o Concello e os centros educativos do municipio, aseguran.
Un dos obxectivos que se traballan anualmente no centro é, concienciar ás novas xeracións, da importancia de coidar o medio ambiente, mediante a lei dos tres erres: reducir, reciclar e reutilizar.
Esta proposta, «foi unha boa oportunidade para ensinarlle ao alumnado o valor da reutilización, algo tan importante de resaltar, tendo en conta que vivimos nunha sociedade consumista».
Esta actividade colaborativa entre o Concello e o CEP Carlos Casares, «nun ano tan difícil no que, os nenos e nenas, tiveron que manter os grupos burbulla, sen ter contacto directo cos demais compañeiros, foi moi gratificante para todos», aseguran nun comunicado dende o Concello de Salvaterra de Miño.