O Concello traballa desde fai máis dunha década no documento, logo de que o Tribunal Supremo anulase o anterior PXOM en 2005.
A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, e o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, mantiveron esta mañá unha reunión de carácter técnico para tentar desbloquear o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no que traballa o Concello desde o ano 2009.
Durante a xuntanza, na que tamén participaron o director do equipo redactor, Alfonso Botana, e a concelleira de Urbanismo, Iria Lamas, analizouse tecnicamente o documento e tratouse de consensuar os criterios a seguir en relación coas observacións formuladas no informe de consultas ambientais emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo a finais do ano pasado.
Na mesma liña, Encarna Rivas reiterou a súa dispoñibilidade a manter novas reunións para lograr avanzar na tramitación e ofreceu o asesoramento e apoio da Xunta ao concello, que, pola súa parte, se comprometeu a introducir no PXOM os axustes necesarios de cara a sometelo á aprobación inicial do pleno, previsiblemente en outono.
Neste sentido, cómpre ter en conta que, a día de hoxe, o concello de Gondomar non conta con planeamento propio e se rexe urbanisticamente polo Plan básico autonómico —unha ferramenta creada pola Xunta no ano 2018 e de aplicación directa naqueles municipios sen planeamento—, xa que o PXOM aprobado en 1997 foi anulado mediante sentencia firme do Tribunal Supremo no ano 2005.
Por este motivo, o Goberno local de Gondomar comezou a elaborar un novo Plan xeral hai máis dunha década, un obxectivo para o cal a Xunta lle concedeu unha subvención de preto de 225.000 euros, equivalente ao 90% do custo total estimado de redacción.
No marco da tramitación dese documento, mantivéronse unha serie de xuntanzas entre os técnicos de Urbanismo da Xunta e o persoal municipal para analizar diferentes versións do PXOM sen que o concello chegase a aprobar nunca de forma inicial ningunha delas.
Tras a entrada en vigor da Lei 2/2016, do solo de Galicia, o concello de Gondomar tivo que reformular o documento, o que deu pé a novas reunións con Urbanismo. O último avance na tramitación do Plan produciuse en decembro do ano pasado, cando o órgano ambiental da Xunta formulou o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico.