A Xunta pon fin á prohibición de reunirse entre a 1.00 e as 6.00 horas a partir do sábado 12 de xuño, ás 00.00 horas. As xuntanzas privadas non terán límite de persoas. Toda a hostalería poderá pechar ás 1.00 horas e nas terrazas poderán ser as mesas de ata 15 persoas.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo:
Galicia continúa coa súa previsión de desescalada agardando a que o Ministerio de Sanidade modifique, como anunciou, o seu protocolo de hostalería aprobado o sábado.
A partir deste sábado, 12 de xuño, ás 00.00 horas, os galegos poderán ir a bares, restaurantes, cafeterías, mesóns, taperías… sen distinción ata as 1.00 horas que pecharán. Iso si, todo os establecementos hostaleiros deberán contar cun medidor de CO2 para asegurar unha boa ventilación. Esta última esixencia non existe no resto de España pero o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegura que será boa para trasladar unha imaxe de calidade e seguridade da hostalería de Galicia de cara ao turismo tamén. Igualmente será beneficiosa nos meses de outono e inverno para mitigar outras enfermidades infeccionsas como a gripe.
Nos domicilios e na rúa xa nos poderemos reunir de madrugada, de 1.00 a 6.00 horas, que ata agora estaba prohibido. Non haberá limite de persoas neses encontros, aínda que se deberán cumprir as normas de máscara e distancia de seguridade entre non conviventes.
Feijóo lembrou que o virus segue circulando e pediu aos galegos que sigan sendo precavidos aínda que a incidencia estea baixando e Galicia estea xa case en risco baixo, cunha incidencia de 51,2 por 100.000 habitantes a 14 días.