María Martínez Allegue compareceu no Parlamento para afondar nos principais obxectivos do departamento que dirixe. “É un reto complexo e ilusionante, no que estamos a traballar desde o primeiro día, poñendo en valor as políticas despregadas ata o de agora e traballando con novas estratexias e ferramenta, implicando a todos os axentes e desde unha perspectiva ampla que nos permita incrementar o parque de Vivenda Pública”.
Destacou que a política que se está a desenvolver estrutúrase en tres grandes eixos: a incorporación de vivenda pública; o desenvolvemento de solo residencial para vivenda protexida e o programa de axudas orientadas á dar resposta ás necesidades habitacionais da cidadanía.
Martínez Allegue anunciou que o Goberno galego acometerá os axustes precisos na Lei do Solo, na Lei de Ordenación do Territorio, na Lei de Vivenda, na Lei de Rehabilitación e nas Normas de Habitabilidade para axilizar os prazos nos procedementos de desenvolvemento de solo e execución ou rehabilitación de vivendas, garantindo a seguridade xurídica.
Estradas máis seguras e máis económicas
Durante a súa comparecencia, a conselleira fixo fincapé en que todas as medidas responden a unha planificación a curto, medio e longo prazo, “que nos permita dar resposta ás necesidades urxentes, pero tamén ás importantes”. Unha planificación especialmente importante no ámbito das infraestruturas, materia onde a conselleira destacou que hoxe, a rede viaria autonómica, con preto de 5.500 quilómetros de estradas, “é a máis extensa, máis segura e máis económica para os galegos”, ao contar con 220 quilómetros máis de vías de alta capacidade libres de peaxes que no 2009 e tras baixar a siniestralidade nun 60% ao actuar nos treitos de concentración de accidentes.
Sinalou que as infraestruturas viarias absorben este ano 240 millóns de euros e reiterou que deste orzamento, o investimento para a conservación das estradas autonómicas ascende a 53 millóns, dos que 28 son exclusivamente para renovación de firmes.