É o resultado do balance da Concellería de Servizos Sociais dende que comezou a pandemia da COVID-19
David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais:
O concelleiro David Alonso vén de dar a coñecer o informe no que se “ofrecen datos espectaculares como a cantidade de alimentos repartidos entre familias en risco de exclusión social”. Un millón de quilos de produtos non perecedoiros e conxelados distribuídos a través do Banco de Alimentos SOS Porriño, coa colaboración de voluntarios, Protección Civil e Policía Local. A metade dese millón de quilos de produtos, repartidos ao longo dos quince meses transcorridos, proceden de doazóns de empresas de Porriño e da contorna, e o resto das achegas realizadas polo Concello con fondos propios.
Nos peores momentos da pandemia, esa axuda alimentaria alcanzou a 500 familias do municipio. Actualmente tan só é precisa para 160 familias
Nese senso, o concelleiro de Servizos Sociais subliñou as achegas extraordinarias efectuadas polo Concello «nas circunstancias máis difíciles coas corentenas e confinamentos» por un total de 100.000 euros, mediante crédito extraordinario para atender ás familias máis desfavorecidas e persoas con dificultades económicas para que puideran abastecerse de alimentos frescos e produtos básicos de primeira necesidade. Tratouse dunha acción extra que complementou a axuda periódica do Banco de Alimentos, mediante un contrato co Supermercado Froiz da rúa Ramón González que permitiu que as persoas e familias mais desfavorecidas fixeran compra de produto de primeira necesidade, previo informe e autorización polos técnicos do departamento de Servizos Sociais do Concello.
Por outra banda, o Concello tamén abonou no que vai deste ano 2021, 11.819 euros en axudas de emerxencia social, previamente informadas polos técnicos de Servizos Sociais. Esas achegas para as familias máis desfavorecidas, dirixíronse aos cativos que precisaban gafas, tratamentos dentais ou produtos farmacéuticos.
Outorgáronse axudas para gafas, tratamentos dentais e produtos farmacéuticos para nenos
E finalmente o departamento de Servizos Sociais tamén tramita, informa e resolve a concesión das tarxetas moedeiro («Tarxeta Básica») que a Xunta de Galicia subvenciona con achegas de 300 euros por familia solicitante. Ata de agora, os técnicos municipais xestionaron 144 peticións por un importe total de 43.000 euros.