A Concellaría de Infraestruturas e Sostibilidade de Redondela vén de poñer en marcha un novo servizo para a veciñanza cun punto limpo móbil que percorrerá todas as parroquias do municipio. O obxectivo deste novo servizo é “facilitar á veciñanza a reciclaxe de diferentes tipos de lixo que non debe de ir aos colectores da rúa”, explicou o concelleiro Roberto Villar.
Trátase dun servizo gratuíto para a veciñanza “pero de grande importancia para ter cada vez unha Redondela máis limpa, polo que é fundamental contar coa colaboración de todos e todas”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.
Os residuos que se poden depositar neste espazo son aceite de cociña usado, cartuchos e tóner impresora, radiografías, lámpadas e fluorescentes, CDs e DVDs, cápsulas de café, cargadores e auriculares, pilas e baterías, material de escritura, móbiles e tabletas, material informático, aerosois e envases de pintura, plásticos que non sexan envases, xoguetes ou pezas de téxtil, entre outros.
O punto limpo móbil permanece estes días diante da Casa do Concello e despois trasladarase ás parroquias. A partir do luns 8 de xullo estará en Chapela, no aparcadoiro público da rúa Manuel Rodríguez Casal. E, a partir de aí, cada semana instalarase nun lugar distinto, que se anunciará por medio das redes sociais do Concello e tamén na web municipal www.redondela.gal.