Tamén acondiciona o sendeiro que comunica a praia do Muíño con Porto.
O Concello da Guarda prepárase para a tempada estival coa posta a punto, limpeza e acondicionamento de diferentes espazos públicos do municipio coma as principais praias marítimas e fluviais, así coma os diferentes sendeiros e camiños de titularidade municipal de máis tránsito no verán.
Operarios municipais levan preto dun mes traballando na limpeza manual dos areais das Praias do Muíño, A Lamiña e Codesal, despois de distintas marusías invernais que as deixaron nun estado deplorable. De cara ao inminente arranque da tempada estival, realizouse esta posta a punto dunhas das praias de maior afluencia da comarca e que conta, coma é o caso da Praia do Muíño, co distintivo de Bandeira Azul e “Ecoplaya”, este distintivo recoñece o esforzo da limpeza manual das praias xa que non se emprega maquinaria que remova a area, respectando o delicado ecosistema dunar.
Tamén se están a realizar labores nos areais marítimos de Area Grande, Fedorento e do Carreiro, á praia de Area Grande tamén foille outorgado un ano máis o distintivo de Bandeira Azul.
No caso de camiños e sendeiros, dende fai unhas semanas operarios municipais e unha empresa externa encargáronse do desbroce e acondicionamento da Senda Litoral que comunica o Porto da Guarda coa Praia do Muíño, substituíndo tamén algunhas táboas que se atopaban danadas.
A Guarda foi galardoada tamén este ano o distintivo de Sendeiro Azul para a senda que comunica as Praias de O Muíño e Area Grande.