O Rosal e O Porriño rexistran menos de 10 positivos por 100.000 habitantes e, pola contra, volven os contaxios a Tui.
Segundo a última actualización do SERGAS, Mos sitúase, arestora, entre os 25 e os 75 casos por cada 100.000 habitantes nunha semana. Mentres, en Soutomaior aumentan os contaxios en COVID-19 ata os 14 en 7 días e a Tui volven os positivos. O Rosal e O Porriño presentan a incidencia máis baixa que contempla Sanidade e a presenza do virus aumenta, de forma leve, en Tomiño con respecto á actualización do venres.
Así, a incidencia en Mos pasa de achegarse aos 125 positivos por 100.000 habitantes nunha semana no inicio da fin de semana a non superar os 75 casos por 100.000 habitantes en 7 días. No municipio da Louriña o número de contaxios sitúase entre os 1-9.
A boa nova vén do concello de Salceda de Caselas e do de Crecente posto que se unen á listaxe de municipios nos que a COVID-19 deixou de ciruclar tanto a unha semana como a dúas xunto A Guarda, Oia, A Cañiza, Covelo, Mondariz-Balneario.
Os contaxios volven ao concello de Tui tras cinco xornadas sen contabilizar un só caso entre a súa veciñanza nunha semana. Con todo, sitúase na incidencia máis baixa que contempla Sanidade, con menos de 10 positivos por 100.000 habitantes en 7 días, a mesma á que descende o concello do Porriño e do Rosal.
Aumenta a presenza do virus con respecto ao inicio da fin de semana en Tomiño que pasa a rexistrar entre 10 e 25 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana nun abano entre os 1-9 positivos. Nesta mesma situación epidemiolóxica continúan os municipios de Baiona, Nigrán, Salvaterra de Miño, Redondela e Mondariz.
Soutomaior continúa como o concello que presenta a incidencia máis alta ao superar os 125 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana. En total, son 14 casos en 7 días os que o SERGAS detectou entre a veciñanza.
As Neves e Pazos de Borbén non teñen positivos en 7 días mais si en dúas e Vigo e Arbo continúa na incidencia entre os 25 e os 75 casos por 100.000 habitantes. A cidade olívica conta con 78 contaxios; isto é, 32 menos que na actualzación do venres de Sanidade.
Ponteareas, pola súa banda, sitúase na incidencia máis baixa con menos de 10 positivos por 100.000 habitantes nunha semana.
A Área Sanitaria de Vigo baixa dos 500 casos activos
Segundo o SERGAS, son 448 veciños e veciñas da Área Sanitaria de Vigo os que teñen, arestora, a COVID-19. Isto é, 126 menos que na actualización do venres. Baixa tamén a presión hospitalaria con tres pacientes menos ingresados en camas convencionais e pola contra, cunha persoa máis que precisa das UCI ata un total de cinco.