É preciso inscrición previa na Oficina de Turismo. O percorrido será guiado por Suso Vila
Este domingo, 23 de xuño, ás 10 h sairá da Oficina de Turismo o percorrido polos xardíns históricos de Tui dentro das Rutas de Natureza que organiza o Concello de Tui. O roteiro, de dúas hora e media de duración, será guiado polo historiador tudense Suso Vila.
Dende o Paseo da Corredoira, onde comezará a actividade a carón da Oficina de Turismo, as persoas participantes achegaranse até a Glorieta de Vigo, o Paseo Familia Álvarez Blázquez e os xardíns de Troncoso, elementos das antigas fortificacións abaluartadas de Tui, para continuar até a Alameda de San Domingos, creada na antiga horta do convento dominico que permitiu dar continuidade aos paseos desde a Corredoira constituíndose nun excelente miradoiro sobre o Miño.
O percorrido continuará pola rúa Antero Rubín, rúa Bispo Salvado e Tyde onde se visitarán os xardíns da antiga Casa Negra, hoxe o Hotel A Torre do Xudeu. Posteriormente na rúa Cuenca poderá verse o xardín histórico de Lorenzo Cuenca, o máis importante da cidade polo seu carácter privado que conserva aínda boa parte dos elementos do século XIX.
Continuando polo conxunto histórico destacaranse os restos de espazos axardinados tanto no pazo da Canicouba como da Torre do Arco. Tamén se visitará o xardín do albergue de peregrinos no que está inspirado a famosa lenda do túnel de dona Urraca.
Pasarase pola casa-pazo do deán Bernal Deizmendi e casa do cóengo Rui López cun patio do século XVI, modelo de xardín renacentista no arquitectónico, até chegar á praza de San Fernando. Aquí o claustro e os xardíns da Catedral son exemplo das vellas hortas episcopais e tamén do que foi o xardín do pazo episcopal até mediados do século XX. O percorrido proseguirá pola rúa Seixas e a rúa das Monxas para rematar diante do convento da Concepción, onde se conserva un exemplo de horta/xardín conventual. Neste punto rematará o roteiro cunha degustación de peixes de améndoa.
Para participar é preciso inscribirse na Oficina de Turismo no Paseo da Corredoira, no teléfono 677 41 84 05 ou no correo turismo@tui.gal.