Unha obra que costará ao Concello 77.081,55€ e que se sufragará con cargo ás cantidades asignadas á Cañiza a través do Plan territorial +Provincia 2024 da Deputación
Así o avanzou o alcalde esta mañá, despois de ter asinado o pasado 17 de xuño o contrato administrativo para a execución da obra coa empresa adxudicataria: ML GLOBAL 24, SLU., que conseguiu o contrato cun prezo de licitación de 53.184,03 € máis o IVE 11.168,64€, sumando un total de 64.352,67€. Unha actuación que deberá estar rematada en tres meses.
Aos costes de execución da obra súmanse outros 8.621,25€ de honorarios adxudicados ao arquitecto Pedro González Souto. Pola redacción do proxecto un total de 5.136,45€ con impostos engadidos, pola dirección de obra outros 2.371,60€ e pola coordinación de seguridade e saúde outros 1.113,20€.
Un total de 77.081,55€ que o Concello costeará ao 100% a través do Plan + Provincia 2024 Liña 1-Investimentos da Deputación Provincial. Axuda aprobada pola Xunta de Goberno do Organismo Provincial na sesión do 19 de abril de 2024.
A empresa ML GLOBAL 24, SLU., presentou unha oferta que rebaixaba o prezo inicial de licitación en 4.107,63€ que serán destinados a outras adquisicións ou melloras.
O acondicionamento por parte do Concello dun espazo habilitado para ximnasio, permitirá ao Club Balonmán invertir o premio IBERDROLA SUPERA 2023 na categoría “SUPERA COMPETICIÓN”.
Un galardón acadado en novembro de 2023, que recoñecía as mellores iniciativas postas en marcha en España a favor da igualdade de xénero na práctica deportiva e na que se premiaron a 6 proxectos de entre 900 candidaturas recibidas.
“O proxecto gañador do CB Cañiza «La fuerza del deporte femenino en el rural» conseguiu alzarse cunha dotación económica que o club destinará á adquisición de máquinas para este novo espazo que comezaremos a acondicionar en breve”, sinalou o alcalde.