O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou a importancia de que a exposición Hospitalitas. A graza do encontro -no marco da XXVII edición de Las Edades del Hombre- se celebre este ano de forma simultánea en Galicia e Castela e León. Rueda fixo fincapé na importancia de compartir esta mostra “cunha comunidade que tamén ten moito patrimonio, riqueza e historia detrás” vencellada ao Camiño de Santiago, unha ruta que “vertebrou durante séculos Europa e España” e que seguirá a poñerse en valor grazas a esta nova mostra.
Rueda reafirmou o compromiso da Xunta coa conservación do patrimonio como un elemento dinamizador cultural, social e económico que forma parte da historia e da identidade da comunidade. “Restaurar o patrimonio nunca é supérfluo. É importante coidar o noso para que sexa coñecido e interpretado polas futuras xeracións”, indicou.
A igrexa e o mosteiro de San Martín Pinario e a cripta do Pórtico da Gloria da Catedral acollerán esta exposición de arte sacro enmarcada na XXVII edición de Las Edades del Hombre que, por primeira vez en 26 edicións, se celebra en dúas sedes: Santiago de Compostela e Villafranca del Bierzo. Trátanse de dúas localidades vencelladas pola ruta Xacobea, unha como punto final do Camiño e outra coma a única localidade na que os peregrinos poden recibir o xubileo no caso de non poder seguir o itinerario ata Compostela.
As persoas visitantes á exposición en Santiago poderán desfrutar ata o mes de novembro de máis de 170 obras de arte sacra de gran valor, autoría de grandes artistas do patrimonio español.