O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordou a suspensión cautelar de seis parques eólicos autorizados pola Xunta ao entender acreditada a existencia do periculum in mora, que forma parte da esencia da medida cautelar, pois intenta asegurar que a futura sentenza se poida levar á práctica de modo útil, o que non se conseguiría no caso de que se produciran situacións irreversibles.
En concreto, decretou a paralización cautelar dos parques Alvite II -situado en Mazaricos, Negreira e Santa Comba (A Coruña)-; Valdepereira -situado en Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense); Coto Loureiro -situado na Laracha e Cerceda (A Coruña), Estivada -situado en Agolada (Pontevedra) e Antas de Ulla (Lugo)-; Piago -situado en Cervo, Xove, Viveiro e Valadouro (Lugo)- e Feás -situado en Aranga e Coirós (A Coruña).
Nos seis casos analizados, a Sala conclúe que se acreditaron os prexuízos que as instalacións poderían ocasionar a valores ambientais sensibles, así como a presenza nesas zonas de especies vulnerables ou en perigo de extinción.
O TSXG notificou ata hoxe 96 autos -77 acolledores e 19 desacolledores- nos que decide sobre as solicitudes de suspensións cautelares de 52 parques eólicos.