viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsComarcasAs Rondallas de Pontellas e Santa Eulalia de Atios comparten o Premio...

As Rondallas de Pontellas e Santa Eulalia de Atios comparten o Premio Antonio Palacios do Social

O Concello do Porriño entregará o Premio Antonio Palacios ao Social ás rondallas de Pontellas e Santa Eulalia de Atios. Con este premio rende homenaxe a estas agrupacións pola súa labor de socialización, incentivando a convivencia entre os veciños e veciñas de todas as idades, que se xuntan para facer música e preparar pasarúas, festexar e contaxiar o seu ritmo e a súa ledicia a todos os presentes. “As rondallas fan un enorme labor de dinamización social no rural”, valoran desde o goberno municipal.

A Rondalla de Pontellas naceu no ano 2003, cando algúns veciños da parroquia decidiron retomar a rondalla que recordaban na súa infancia, que por diversos motivos deixara de existir moitos anos atrás. Comezaron de cero, e hoxe en día componse de máis de 90 persoas, entre rondalleiros, músicos de melodías e abandeirados.

Tratábase dunha iniciativa moi familiar e refléxase nos compoñentes, de idades dispares, e incluso con personas de tres xeracións dunha mesma familia.

Foron dos primeiros en incorporar pezas actuais ao seu repertorio, combinando as muiñeiras e cancións tradicionais, con éxitos de Guns N’ Roses, Nino Bravo, Bon Jovi ou As Ketchup.

Esta temporada 23-24 a Rondalla de Pontellas cumpríu 20 anos, nos que conseguiron, ademais de divertirse, gañar en moitas ocasións o Certame de Rondallas do IFEVI .

O seu director, Serafín Rodríguez Rodríguez, confesa que “o máis difícil é atopar o equilibrio entre todos os compoñentes, de distintas edades e capacidades rítmicas e musicais”. “Todo o mundo é benvido. O importante é disfrutar e pasalo ben, que esto é un hobby”, salienta Rodríguez.

Pola súa banda, a Rondalla de Santa Eulalia de Atios camiña cara o seu centenario. O día de Reis do ano 1925 é a data máis antiga que se recorda da primeira xuntanza e actuación desta agrupación. Algúns habitantes da parroquia desfilaban polas rúas cos seus instrumentos, e contrataban músicos da zona, incluso de Goián ou A Guarda. Festexaban con música tradicional o día de Reis, e acababan a celebración ás portas da igrexa.

Durante estes preto de cen anos, a Rondalla faltou en contadas ocasións aos festexos do día de Reis, sempre por causas de forza maior, como a guerra ou, máis recentemente, a pandemia. Hoxe en día conta cuns 90 compoñentes de tódalas edades, nalgúns casos familias enteiras que seguen a tradición e a transmiten aos cativos e cativas da casa.

No 2018, a antigua directiva con máis de vinte anos ao frente da agrupación, decidiu deixar paso a unha nova xeración, participantes da Rondalla desde ben pequenos, que tomaron as rendas. Coa directiva renovada, chegou tamén a renovación da imaxe, con nova vestimenta y repertorio. Ás populares pezas de música tradicional, como as muiñeiras ou as xotas, sumáronse cancións máis modernas e actuais, como o merengue de Manuel Turizo, entre outras.

O pasado xaneiro, a Rondalla de Atios proclamouse campeona no Concurso de Rondallas 2024 e tamén na categoría de Abanderados. Un recoñecemento ao que esta semana suma o I Premio Palacios ao Social, compartido coa veciña Rondalla da Asociación Cultural de Pontellas, que recibirán o próximo sábado.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS