As Neves, sen casos nunha semana e, pola contra, sobe a incidencia en Soutomaior ata máis de 125 contaxios por 100.000 habitantes.
Segundo a última actualización de Sanidade, a COVID-19 deixou de circular entre a veciñanza da Cañiza e de Covelo e, nas Neves,non se rexistra contaxios nunha semana. A presenza do virus descende en Pontearreas e, pola contra, aumenta en Soutomaior, que se sitúa con máis de 125 casos por 100.000 habitantes en 7 días. Baixan os positivos en Mos.
A Cañiza e Covelo súmanse, nesta actualización do SERGAS, ao concello da Guarda e ao de Mondariz-Balneario como os municipios libres de COVID-19. Non se rexistran contaxios nestas localidades nin en 7 nin en 14 días.
Nas Neves, o virus deixou de ciruclar entre a veciñanza durante unha semana aínda que mantén casos coa perspectiva de dúas ao igual que Oia, Tui, Salceda de Caselas, Crecente, Fornelos de Montes e Pazos de Borbén.
Baixan os casos no concello de Ponteareas polo que, arestora, presenta a incidencia máis baixa que contempla Sanidade con menos de 10 positivos por 100.000 habitantes nunha semana sen superar o abano dos 1-9 contaxios. A mesma situación epidemiolóxica coa que conta Nigrán. Pola contra, aumenta en Tomiño e Baiona, ao rexistrar entre 10 e 25 casos por 100.000 habitantes.
Soutomaior e Mos comparten agora incidencia. Ambos os concellos contan con máis de 125 positivos por 100.000 habitantes nunha semana. No da Louriña son 3 casos menos que onte ata os 30 e en Soutomaior, 10 veciños e veciñas teñen o virus e foron detectados nos últimos 7 días.
Os demais municipios das comarcas manteñen a situación epidemiolóxica con respecto a onte. Salvaterra de Miño e Mondariz continúan entre os 10 e os 25 positivos por 100.000 habitantes nunha semana e O Rosal, Gondomar, Arbo, Redondela, Vigo e O Porriño, entre os 25 e os 75 por cada 100.000. Só a cidade olívica, con 109, e Redondela, con 11, superan o abano dos 1-9 contaxios.
Falece unha muller con COVID-19 na Área Sanitaria de Vigo
O SERGAS notifica o falecemento dunha muller de 97 anos no CHUVI, que presentaba patoloxías previas. Dende o inicio da pandemia, son 436 as persoas que perderon a vida co virus na Área Sanitaria de Vigo.
En canto aos casos activos, son 635 na área, 27 menos que onte. Segue sendo a que máis contaxios ten do conxunto de Galicia.