A deputada do PSdeG no Parlamento galego e exedil de Vigo Isaura Abelairas faleceu tras unha longa enfermidade. Natural de Taboada, en Lugo, Abelairas finou aos seus 69 anos despois de deixar a súa acta no Concello de Vigo en 2020 para ocupar escano no Hórreo.
Mestra de profesión e tamén directora do C.E.I.P. Emilia Pardo Bazán de Vigo entre o 1993 e o 2007, asumiu a Concellaría de Limpeza e Festas do Concello vigués un mandato (1999-2003) e tamén foi a responsable dos departamentos de Servizos Exteriores e Vías e Obras.
Máis tarde encargouse doutras áreas como Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística e tamén de Política Social. Así mesmo, entre 1999 e 2003 e desde 2007 exercía como deputada provincial, como responsable de Igualdade.
Foi en xullo de 2020, cando renunciou á súa acta de concelleira en Vigo, cando ocupou un escano no Parlamento de Galicia, dentro do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia.