A Policía Local e a Garda Civil sorprenderon a tres mozos in fraganti e comprobaron que as características da pintada coincidían con outas denunciadas.
A Garda Civil investiga penalmente por un delito de danos a tres mozos, de entre 20 e 21 anos, veciños de Vigo, Nigrán e Porriño, acusados de realizar máis dunha vintena de grafitis en Baiona.
As investigacións comezaron no pasado mes de febreiro por unha denuncia que presentou na Policía Local o dono dunha clínica veterinaria da localidade, a quen pintaron varios grafitis nas persianas do seu establecemento.
A proliferación destas pintadas na vila, con grafitis que se repetían, tanto en inmobles de particulares coma en locais comerciais, autobuses e mobiliario público, deu lugar a un dispositivo de investigación e prevención que se levou a cabo de forma coordinada entre o Posto Principal de Baiona-Nigrán e a Policía Local de Baiona.
O operativo deu resultado cando unha patrulla da Policía Local e outra da Garda Civil sorprenderon in fraganti a tres mozos que estaba facendo pintadas baixo unha das pontes da autopista AG-57, no barrio de Bouzós, en Sabarís. As características dos grafitis que estaban realizando coincidían co resto de pintadas, polo que lles atribuíron a autoría dunha vintena de garfitis.
Como consecuencia destes incidentes, que causaron importantes danos materiais pendentes de avaliar, ata o momento recibíronse oito denuncias, entre elas a que interpuxo o propio concelleiro de Vías e Obras de Baiona polos danos ocasionados en varios inmobles e superficies de titularidade municipal.