viernes, octubre 18, 2024
InicioNewsActualidadeUn lume nun poboado de chabolas alerta á cidade de Ourense

Un lume nun poboado de chabolas alerta á cidade de Ourense

Os bombeiros continúan traballando no incendio que se declarou no serán deste martes no barrio do Vinteún

As chamas queimaron polo menos unha das edificacións e, sobre todo, material acumulado no exterior. Ademais, ardeu parte da masa forestal situada arredor, que xa foi extinguida polos equipos de Medio Rural. Ningunha persoa resultou ferida.

Pasadas as 20.30 horas do martes, o 112 Galicia tivo constancia deste incendio, que ocorreu nun poboado de chabolas da Canella de Abaixo, a través das chamadas de múltiples particulares. As lapas eran visibles desde moitos puntos de Ourense. Naquel momento, os alertadores máis próximos ao lugar confirmaron que non había feridos, pero indicaban que a situación semellaba complicada pola importante cantidade de materiais acumulados arredor das chabolas. Sinalaban, ademais, que había outro foco na rúa Río Xarés.

Desde o 112 Galicia alertouse aos Bombeiros de Ourense e de San Cibrao das Viñas e á Policía Nacional e Local. Tamén colaborou o persoal do distrito forestal da zona.

Os medios estiveron traballando durante toda a noite para controlar o lume, que afectou polo menos a unha das chabolas e a parte da masa forestal próxima. Segundo comunicaron os servizos de emerxencias, ardeu sobre todo material acumulado arredor das construcións, como electrodomésticos ou vehículos.

A primeira hora deste mércores xa se puideron retirar tanto os equipos de extinción de San Cibrao coma os de Medio Rural. Quedando no punto os bombeiros ourensáns para refrixerar a área do incendio.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS