O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o investimento da Xunta de máis de 445.000 euros na reforma do centro de saúde de Salvaterra de Miño, que permitiu mellorar os espazos nos que os profesionais atenden aos seus pacientes. Ademais, avanzou que a Consellería de Sanidade atenderá a demanda da alcaldesa de avaliar a posibilidade de ampliación deste equipamento.
Para o titular da carteira sanitaria o compromiso do Executivo galego coa atención primaria maniféstase cun esforzo continuo de renovación e mellora das infraestruturas, como queda reflectido nesta reforma realizada nas instalacións do centro de Salvaterra, que hoxe visitou. No acto de supervisión do resultado das obras, o conselleiro estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polo xerente da área sanitaria, Javier Puente.
Gómez Caamaño sinalou que o centro de saúde de Salvaterra é o primeiro ao que acode como conselleiro, e, con tal motivo, incidiu no recoñecemento á importancia da atención primaria, amosando o seu agradecemento ao traballo dos seus profesionais e trasladando o compromiso do Goberno galego por traballar para mellorar a situación deste nivel asistencial.
En cando á reforma levada a cabo no centro de saúde de Salvaterra o conselleiro destacou a mellora na súa accesibilidade e da eficiencia enerxética. Así mesmo, para mellorar a funcionalidade, habilitouse unha sala polivalente que se pode empregar para realizar exploracións xinecolóxicas ou cirurxía menor ambulatoria. Tamén se reformou a recepción creando un novo posto para axilizar a atención aos doentes e un mostrador adaptado que facilitará a atención de persoas con discapacidade.
Gómez Caamaño incidiu en que o departamento que dirixe realizará un estudo para avaliar a viabilidade dunha posible ampliación do centro de saúde que hoxe visitou.