Será dende o 24 ata o 27 de xuño, o campionato de España sobre patíns, na categoría sub 17 feminina.
O pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino de Ponteareas acollerá do 24 ao 27 de xuño o campionato de España de hóckey sobre patíns, na categoría sub 17 feminina. Trátase da primeira competición de ámbito estatal desta modalidade que se celebrará na vila do Corpus.
O Comité Nacional de Hóckey sobre Patíns da Real Federación Española de Patinaxe proclamou Ponteareas como sede deste evento, que estará organizado polo Hockey Club Ponteareas, a Federación Galega de Patinaxe e o Concello de Ponteareas, e conta co patrocinio institucional da Xunta de Galicia e do Consello Superior de Deportes a través da propia Federación Española de Patinaxe, así como co de entidades privadas.
Na presentación do campionato de España, xunto a membros do club, participaron o delegado provincial de deportes da Xunta, Daniel Benavides, e concelleiro de deportes ponteareán, Miguel Bouzó. O edil sinalou que “é un orgullo para Ponteareas contar cun evento deportivo destas características, que sitúa á nosa vila no punto de mira deste deporte ao tempo que contribúe á súa recuperación en Ponteareas”
Así mesmo, Bouzó puxo en valor “as sinerxías que xeran actividades como esta, que constitúen unha reactivación deportiva ao tempo que contribúen á reactivación económica local, dado que nos catros días que se desenvolve a competición, as deportistas e as súas familias fan vida na nosa vila, consumen no noso comercio e na nosa hostalaría e visitan recursos turísticos da nosa localidade”.
O concelleiro de Deportes quixo agradecer ao club “o esforzo realizado ao longo de todo o ano para a potenciación e a recuperación deste deporte sobre patíns, que foi tan destacado en Ponteareas no século pasado”. Así mesmo, sinalou que esa labor “foi fundamental para lograr ser sede dun Campionato de España”.
“É un campionato moi importante, no que participarán mozas dos mellores clubs de España que compiten na División de Honra do hóckey feminino, o que augura que vai ser un torneo de moi alto nivel”, destacou o presidente do Hockey Club Ponteareas, Jose Álvarez “Portu”.