Foi un particular quen, ao fío do mediodía deste venres, contactou co 112 Galicia e indicou que observaba un corpo aboiando no mar desde a praia de Barrañán. Flotaba nunha zona de rochas a carón deste areal arteixá.
Decontado, desde o 112 Galicia solicitouse a acción de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local e do Servizo Municipal de Protección Civil de Arteixo.
Unha vez alí, a Policía Local confirmou a presenza do corpo e a Garda Civil, que desprazou un helicóptero á zona, procedeu coas tarefas para a súa recuperación.
Incendio nunha cociña en Tomiño
O 112 informa tamén que dúas persoas foron trasladadas logo dun incendio nunha cociña que obrigou a desaloxar un edificio en Tomiño. Os axentes da Policía Local evacuaron o edificio mentres duraron os traballos de extinción do lume, que finalmente só danou os mobles da cociña na que comezou, aínda que a fumareda propagouse por diferentes domicilios.
Pasadas as 09.30 horas a nube escura que saía ao exterior pola fiestra dun dos pisos dun edificio situado na rúa da Guarda alertou aos veciños e aos servizos de emerxencias tomiñeses. De feito, foi a Policía Local a que contactou co 112 Galicia desde o lugar e explicou os feitos e, minutos despois xa conseguiran evacuar o inmoble para facilitar as tarefas dos equipos de extinción e garantir a seguridade dos veciños.
Ao parecer e segundo explicaron os servizos de emerxencias unha vez finalizada a intervención, os ocupantes da vivenda quedáronse durmidos coa cociña prendida.