Amáis, baixa a incidencia en Ponteareas e no Porriño.
Segundo a última actualización de Sanidade, o virus deixou de circular entre a veciñanza de Salceda de Caselas e de Baiona durante unha semana. Amáis, a incidencia baixa en Ponteareas, que dende esta media noite inclúese no nivel medio de restricións e O Porriño rexistra menos de 25 positivos en COVID-19 por 100.000 habitantes nunha semana.
Salceda de Caselas e Baiona únense, así, á Guarda, Oia, Covelo, A Cañiza, Crecente e Mondariz como municipios nos que o virus deixou de circular nunha semana. Con todo, presentan casos coa perspectiva de 14 días polo que aínda non é posible incluílos na listaxe dos concellos libres de COVID-19 como si o está Mondariz-Balneario.
A presenza do virus baixa en Ponteareas ao restar 6 contaxios con respecto á anterior xornada. En total, son 13 positvos na vila do Corpus nunha semana e sitúase así na incidencia entre os 25 e os 75 positivos por 100.000 habitantes en 7 días. A mesma que Vigo, Redondela, Soutomaior, Arbo, Gondomar e Pazos de Borbén. Cómpre lembrar que, dende esta media noite, rexen as medidas do nivel medio en Ponteareas.
O Porriño, pola súa banda, descende ata a segunda incidencia máis baixa que contempla Sanidade, entre 10 e 25 positivos por 100.000 habitantes nunha semana. Ao igual que O Rosal, Nigrán , Salvaterra de Miño e Tui, que manteñen os datos con respecto á anterior xornada.
Mos continúa na incidencia de risco ao superar os 250 positivos por 100.000 habitantes nunha semana con 47 contaxios entre a súa veciñanza. Isto é, tres menos que onte. As Neves segue entre os 75 e 125 casos por 100.000 habitantes en 7 días con menos de 9.
No conxunto da Área Sanitaria de Vigo, son 100 veciños e veciñas con COVID-19. Isto é, 12 menos que na anterior actualización do SERGAS. Baixa a presión hospitalaria con 4 pacientes menos ingresados en camas convencionais e se manteñen en cinco o número de persoas que precisan de coidados intensivos.