Faltaban dez minutos para as 2 desta madrugada cando o 112 Galicia recibiu unha chamada de Salvamento Marítimo na que indicaban que un barco de vela cunha persoa a bordo permanecía encallado no cabo Touriñán.
Os xestores do 112 Galicia informaron de inmediato a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Garda Civil e aos voluntarios de Protección Civil de Muxía.
Ao mesmo tempo, desde Salvamento Marítimo comunicaron que tiñan mobilizados un helicóptero de rescate Helimer e a Salvamar Altair. Pouco despois, confirmaban que o home saltara ao mar e que foi recollido por esta última embarcación e trasladado ao porto de Camariñas.
Aínda que aparentemente estaba en bo estado, o persoal sanitario evacuouno en ambulancia ao centro hospitalario ceense.