O primeiro premio recibiuno o balcón de Rosa Barrera. Os balcóns de Balbina Frade e o de Noelia Blanco fanse co segundo e terceiro premio respectivamente
O balcón de Rosa Barrera Groba no número 6 da rúa Virxe dos Remedios resultou gañador do I Concurso Balcóns Floridos convocado polo Concello de Ponteareas co obxectivo de reforzar o lazo entre a cidadanía e os espazos da vila pondo en valor as tradicións locais.
As flores forman parte dos sinais de identidade de Ponteareas a través das súas tradicionais e recoñecidas alfombras de Corpus Christi, agora o Concello quere que estean presentes no día a día da vila e será o concurso Balcóns Floridos o que poña a primeira pedra para que o embelecemento das rúas sexa cousa de todas e todos.
Concello e cidadanía farán de Ponteareas unha vila fermosa e diso deron tamén exemplo o segundo balcón gañador, o de Balbina Frade Vázquez da rúa Fernández de la Vega nº 18 e o de Noelia Blanco Carrera no nº 23 da avenida Castelao.
“Para nós son moi importantes cada unha das persoas que participaron no concurso porque son o primeiro síntoma de traballo en equipo, de compromiso e de ganas de contribuír”, salientaba durante a entrega de premios a alcaldesa, Nava Castro.
Abertos a suxestións e melloras, así o adiantaba a alcaldesa, o Concello continuará traballando na planificación paisaxística de Ponteareas da man de expertos e profesionais como o que onte acompañaba a entrega de premios e membro do xurado, Pedro Calaza. Director da Escola de Paisaxismo da Fundación Juana de Vega, presidente da Asociación Española de Parques y Jardines (AEPJP), Doutor Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutor Arquitecto da Paisaxe pola Universidade de Lisboa é tamén Decano do Colexio Oficial de Agrónomos de Galicia e Vicepresidente do Consello Gallego de Enxeñerías.
A alcaldesa convidou ás veciñas e veciños a seguir participando e colaborando nas iniciativas que o Concello deseña para, de xeito conxunto, mellorar non só o centro urbano, tamén as parroquias. En novembro de 2023 o Concello de Ponteareas recolleu o galardón “Flores de Honra” outorgado polo movemento Vilas en Flor que recoñece as boas prácticas ambientais e as accións de mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible e educación ambiental, entre outras.
A edil de Medio Ambiente, Silvia Fernández e o director da Escola Galega de Paisaxe da Fundación Juana de Vega adiantaron que seguirán traballando para potenciar o concurso Balcóns Floridos e consolidalo como unha cita fixa na axenda das e dos ponteareáns.