A Sala salienta que concorren as circunstancias que xustifican a adopción da medida precautoria solicitada porque a distancia dos aeroxeradores aos núcleos de poboación podería supoñer “un risco adicional para a saúde das persoas e o benestar dos animais de produción”.
O TSXG indica que a propia Xunta admitiu, cando emitiu unha declaración de impacto ambiental desfavorable ao parque eólico Gasalla, que afectaba aos terreos de Casa Grande de Xanceda, que unha distancia inferior a dous quilómetros podería ocasionar unha perturbación significativa ao gando vacún. “Entendemos que sería absurdo que a Administración fixese de peor condición aos seres humanos que aos animais”, recalcan os xuíces.
Na resolución, destacan que do informe sobre medicións de distancias se conclúe que polo menos tres núcleos de vivendas están situados a distancias inferiores aos 1.000 metros. Ademais, indican que a altura dos muíños proxectados é de 200 metros e que entre un dos aeroxeradores e un dos núcleos de poboación afectados hai 510,9 metros, así como que “a normativa actual xa contempla para estes casos por razóns urbanísticas e de calidade de vida un mínimo de cinco veces a altura dos aeroxeradores”. A iso súmase, segundo o TSXG, que a DAE do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico “desaconsella para todo o Estado a implantación dunha instalación destas características a menos de 1.000 metros de núcleos de poboación”.