Cunha rosa branca na man, un minuto de silencio e un emotivo aplauso a corporación de Ponteareas, numerosos políticos da bisbarra, traballadores municipais e veciñanza lembraron hoxe, ás 14.15 horas, a memoria do ex alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, que faleceu na noito do domingo tras unha longa enfermidade.
Bandeiras a media hasta e un gran lazo negro loce na fachada do concello de Ponteareas en lembranza do seu alcalde, o nacionalista Xosé Represas, que faleceu na noite do domingo, aos 65 anos, tras renunciar ao cargo por motivos de saúde o pasado 29 de abril.
Tras un pleno extraordinario, ás 14.00 horas, para decretar tres días de loito oficial polo seu pasamento, tivo lugar ás portas da casa consistorial un minuto de silencio na súa memoria.
A alcaldesa desde o pasado venres, Cristina Fernández Davila (BNG), e os demais edís de Ponteareas sostiñan unha rosa branca na man no seu recordo. Tras o silencio soou un aplauso de recordo e cariño polo que foi o primeiro alcalde nacionalista de Ponteareas, elixido en 2015, e que revalidou o seu cargo en 2019.
Entre os asistentes, ademais de traballadores municipais e veciñanza, estiveron numersos políticos da contorna, así como alcaldes. Asistiu o deputado provincial Uxío Benítez; o rexedor das Neves, Xosé Rodríguez Méndez; o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel; a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, entre moitos outros.
A familia de Xosé Represas non recibe do. O seu cadáver será conducido este martes, 25 de maio, ás 16.30 horas, dende o tanatorio de Ponteareas ata a igrexa de Santa María de Xinzo, a súa parroquia, e dende alí ata o cemiterio.