sábado, noviembre 23, 2024
InicioO PaísPontevedraDesaloxados das súas vivendas de Marín e A Guarda por un incendio...

Desaloxados das súas vivendas de Marín e A Guarda por un incendio e unha fuga de gas

Os sucesos, nos que non se lamentou ningunha vitima, tiveron lugar a pasada madrugada e á noite

Por unha parte, dúas persoas foron trasladadas, en estado leve ao Hospital de Montecelo, por inhalación de fume tras un incendio que obrigou a desaloxar un edificio de catro andares na rúa Jaime Janer en Marín.

Un dos veciños contactou co 112 Galicia instantes despois das 3:45 horas desta madrugada para alertar sobre o lume, que se orixinou no segundo piso. O fume comezara a propagarse por todas as instalacións e o alertador confirmaba que había xente no resto de vivendas. De feito, outras persoas tamén indicaron que acababan de escoitar explosións no domicilio afectado.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Morrazo e do Salnés, así como da Policía Nacional e Local.

Pouco despois, os axentes da Policía Nacional confirmaron que todos os veciños foran desaloxados e que os medios de extinción xa traballaban para controlar as lapas.

Os bombeiros comunicaron a relación de danos materiais unha vez rematadas as tarefas de extinción e de revisión das instalacións: arderon por completo varias estancias dun piso, afectando tamén ao teito.

Por outra banda, preto dunha vintena de persoas tiveron que deixar as súas vivendas por unha fuga no depósito de gas dun edificio na Guarda. Ocorreu na rúa Coruña minutos antes das 21 horas do mércores e ningunha delas precisou asistencia sanitaria.

O 112 Galicia tivo constancia do acontecido a través da chamada dun dos veciños, quen explicaba que o depósito estaba situado no tellado e que unha das tubaxes estaba a perder gas. De inmediato, os xestores do 112 Galicia alertaron a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil, ao GES da Guarda e aos técnicos da empresa subministradora do gas.

Os efectivos do GES da Guarda confirmaron a existencia dunha fuga cando chegaron ao lugar, polo que solicitaron a colaboración dos técnicos da empresa xestora.

Deste xeito, os servizos de emerxencias evacuaron a dezasete veciños para proceder co baleirado do depósito, tralo que puideron retornar ás súas vivendas pasadas as 07.00 horas desta mañá.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS