O comercio local poderá vender en exclusiva prendas téxtiles bordadas coa marca Vila do Corpus e a hostalaría disporá de chocolates Vila do Corpus para vender ou agasallar á súa clientela
Proporcionar novos recursos para o comercio e a hostalaría local e promover a festa do Corpus Christi e o nome de Ponteareas son os obxectivos principais da creación da marca de merchandising de produtos textís e chocolates Vila Do Corpus.
A alcaldesa, Nava Castro, e o concelleiro de Comercio, Ricardo González, mantiveron un encontro coas e cos comerciantes e hostaleiros locais para presentarlles a marca que o Concello vén de rexistrar, Vila do Corpus. Unha marca baixo a que se producirán e comercializarán distintos produtos textís, chocolates e de merchandising que o comercio local e a hostalaría poderán vender ou agasallar.
Esta nova liña de produtos Vila de Corpus presentarase á cidadanía e visitantes esta fin de semana nun stand que se ubicará na contorna do Concello próxima aos tramos alfombristas.
No posto Vila de Corpus poderemos ver as primeiras pezas que comezará a vender de xeito exclusivo o comercio local nos vindeiros meses. A marca lanzará unha liña téxtil con polos, camisetas e sudadeiras de algodón bordados con logotipo da marca, unha homenaxe ás alfombras florais do Corpus Christi de Ponteareas.
Ademais, haberá produtos doces como as chocolatinas que dan a coñecer ás e aos nosos ponteareáns ilustres, Rogelio Groba, Reveriano Soutullo e outros. Tamén haberá un formato de tableta de chocolate artesá dun quilo que o Concello agasallará aos portais alfombristas nun xesto de complicidade deses moitos chocolates á cunca que comparten nas noites de traballo nos portais. O Concello entregou tamén delantais bordados coa marca Vila de Corpus ás e aos hostaleiros no transcurso do encontro de presentación da marca.
Agora, comerciantes, hostaleiros e goberno de Ponteareas deseñarán unha estratexia conxunta e consensuarán as accións de produción, distribución e promoción máis axeitadas para que saia á venda o antes posible.
“Cos produtos Vila do Corpus ofrecemos un recurso exclusivo que contribúe a dinamizar a economía local, que promove o coñecemento do noso comercio e hostalaría que xera, tamén, unidade e sentimento”, explica a alcaldesa.
Pola sua banda, Ricardo González, adianta que nas vindeiras semanas avaliarán, tendo en conta as aportacións das e dos profesionais locais, o proceso que máis responda ás necesidades de todas e todos.