O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou na presentación desta nova iniciativa para impulsar o ensino híbrido con materiais adaptados aos currículos galegos, flexibles e inclusivos, que poderá a empregarse voluntariamente nas aulas dixitais de todos os centros galegos de Primaria e ESO a partir do vindeiro curso 2024/25.
“A Xunta leva anos traballando, no marco da Estratexia de Educación Dixital 2030, para que a dixitalización do ensino vaia moito máis aló da dotación tecnolóxica e supoña unha mellora da formación de alumnos e docentes. O proxecto cREAgal é unha nova oportunidade para empregar material dixital de alta calidade como valor engadido no entorno educativo”, destacou.
O titular do departamento educativo da Xunta fixo fincapé en que unha educación de calidade “non pode permanecer allea aos avances tecnolóxicos propios da nosa sociedade”. Neste sentido, explicou que o labor do ensino “é educar no uso das ferramentas tecnolóxicas para que se convertan en recursos ao servizo dunha educación de calidade, que facilite o desenvolvemento das competencias dixitais”, tal e como establecen a Unión Europea e as leis estatais.