Un veciño de Salceda de Caselas perdeu a vida esta mañá tras caer dun tellado no municipio lucense de Sarria.
A vítima é Xank Penabella, de 46 anos, natural de Ponteareas, aínda que asentado en Salceda, onde estaba casado con Teresa Pérez, ex concelleira de Cultura de Movemento Salceda, grupo que amosou as súas condolencias á familia do falecido a través da súa páxina de Facebook. «Hoxe é un día moi triste e duro para os que formamos a familia de Movemento Salceda. O destino quixo que nos deixara antes de tempo. Un bo pai, un bo marido e mellor persoa. Tere, compañeira, estamos e estaremos ao teu carón sempre! Que a terra che sexa leve, Xank!», publicou MS. Ademáis, Xank era moi coñecido na comarca polos seus traballos como cámara de televisión e fotógrafo.
O suceso aconteceu sobre as 9.30 horas, momento no que un particular informaba ao 112 Galicia de que un operario caira dunha altura de 10 metros cando colocaba unhas placas solares. De inmediato, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias mobilizou un helicóptero medicalizado con base en Ourense, que acudiu ao lugar xunto á Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil de Sarria.
Finalmente, o persoal sanitario confirmou que, a pesar dos esforzos, no se puido facer nada por salvar a vida deste veciño de Salceda.
O corpo será velado no tanatorio de Salvaterra.