Sanidade sitúa ao concello de Mos e de Crecente preto da zona de risco: entre 125 e 250 casos por 100.000 habitantes nunha semana.
Segundo a última actualización do SERGAS, Mos e Crecente presentan a incidencia máis alta da bisbarra ao superar os 125 casos por 100.000 habitantes nunha semana. É máis, o concello da Louriña conta con máis de 250 por 100.000 coa perspectiva de 14 días. Aumenta a presenza do virus no Rosal, O Porriño e Ponteareas e volve a cirucular a COVID-19 no concello de Covelo.
Mos rexistra 33 novos contaxios en COVID-19 entre a súa veciñanza en 7 días, 15 máis que na anterior actualización de Sanidade. Estes datos fan que o concello presente unha incidencia entre os 125 e 250 positivos por 100.000 habitantes, preto da zona considerada de risco por Sanidade. Con todo, o municipio da Louriña xa pasa dos 250 por 100.000 co corte de dúas semanas.
Pola súa banda, Crecente, municipio que conta con 2.000 habitantes, e que comparte incidencia con Mos, non supera o abano dos 1-9 positivos entre a súa veciñanza.
Aumenta a presenza do virus no municipio do Rosal ao rexistrar entre 75 e 125 positivos por 100.000 habitantes nunha semana, a mesma na que se manteñen As Neves e Salceda de Caselas. Ningún dos tres concellos superan o abano dos 1-9 contaxios.
O Porriño e Ponteareas soben ata a incidencia que comparten a maioría dos municipios das comarcas. É dicir, entre 25 e 75 casos por 100.000 habitantes nunha semana. Con todo, manteñen o abano dos 1-9 positivos. Amáis, o virus volve circular entre a veciñanza de Covelo, que non ocorría dende finais do mes de marzo deste mesmo ano.
Manteñen a situación epidemiolóxica con respecto a onte, entre 25 e 75 positivos por 100.000 habitantes nunha semana, A Guarda, Gondomar, Tomiño, Tui, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, A Cañiza e Mondariz. Superan os 9 positivos a cidade olívica con 162 (+20), Nigrán con 12 (+2) e Redondela con 15 (=).
O virus deixou de ter presenza entre a veciñanza de Fornelos de Montes e Pazos de Borbén en 7 días mais non en 14 polo que aínda non é posible incluílos na listaxe dos concellos libres de COVID-19 como si o están Oia, Arbo e Mondariz-Balneario. Baiona sitúase na incidencia máis baixa ao non superar os 10 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana. Salvaterra de Miño rexistra entre 10 e 25 casos por 100.000.
831 casos activos na Área Sanitaria de Vigo
Segundo o SERGAS, na Área Sanitaria de Vigo son 831 casos en COVID-19 activos. Isto é, 14 máis que na anterior xornada. Mantense o número de paciente ingresadas por mor do virus en camas convencionais con 33 e na UCI son tres menos que onte ata as 8 persoas que precisan de coidados intensivos.
A Área Sanitaria de Vigo continúa como a que máis casos rexistra do conxunto de Galicia, séguelle a da Coruña con 568. Tamén é a que ten máis pacientes en UCI por mor da COVID-19.