sábado, noviembre 23, 2024
InicioNewsComarcasInauguradas as festas do Corpus Christi de Ponteareas co pregón de Rogelio...

Inauguradas as festas do Corpus Christi de Ponteareas co pregón de Rogelio Groba

Logo da lectura, a Orquestra de Cámara de Galicia, que dirixe o propio Groba Otero, ofreceu un concerto

Ponteareas inaugurou oficialmente os actos centrais da celebración do Corpus Christi coa lectura do pregón a cargo do director e compositor Rogelio Groba Otero, que estivo acompañado no acto oficial pola alcaldesa, Nava Castro, polo tenente de alcaldesa, Juan Carlos González e pola deputada provincial Sandra Bastos e o deputado Alejandro Lorenzo.

Esta emotiva cita levanta o telón dun completo programa de festas que se prolongará ata o próximo 9 de xuño, tendo a xornada do domingo día 2 como a data máis esperada do programa.

A edición de 2024 desta Festa de Interese Turístico Internacional pasará á historia como a primeira na que tamén é recoñecida como Ben de Interese Cultural, o que aumenta aínda máis o seu atractivo turístico e a súa repercusión tanto dentro como fóra de Galicia.

Rogelio Groba Otero, o pregoeiro desta edición tan especial do Corpus Christi de Ponteareas, dirixiu despois da súa lectura á Orquestra de Cámara de Galicia, agrupación na que leva 25 anos á batuta, nun emotivo concerto na casa do Concello. Ademais, nesta primeira xornada central de festexos quedou inaugurada a exposición “Corpus en Flor” no Auditorio Reveriano Soutullo.

A alcaldesa, Nava Castro, adicou palabras de agarimo ao protagonista do acto ao salientar que “Rogelio procede dunha familia intimamente ligada ao mundo da música, dun xeito excepcional. Estamos moi orgullosos de poder compartir este momento contigo, Rogelio, que ademais levas o nome de Ponteareas por bandeira. Tanto orgullo se percibe sempre en ti pola túa vila, como o que nós sentimos con cada un dos pasos que das na túa carreira”. Na mesma liña, Juan Carlos González, destacou que “contar cun referente coma ti na vila é un orgullo para Ponteareas”.

Como colofón a esta xornada, o Concello inaugurou un videomaping conmemorativo do Corpus Christi, que será visible sobre a fachada do propio edificio consistorial nas noites dos venres e dos sábados, en horario de 22:30h a 02:00h. Ademais, a noite do Corpus haberá unha proxección ampliada, que arrancará á mesma hora (22:30h) e se prolongará ata as 06:00 horas.

Un completo programa de actividades para todos os públicos

O Corpus Christi 2024 en Ponteareas presenta un amplo e diversificado programa de actividades para todos os públicos, pensado tanto para os veciños e veciñas da vila como para o turismo que tradicionalmente ven a vivir esta festa.

Os actos comezaron xa o pasado 11 de maio coa apertura dos portais alfombristas e continuarán ata o domingo 9 de xuño coa Oitava do Corpus Christi. Ata entón, máis de dúas semanas de festexos con música, xogos populares, confección de alfombras, entrega de medallas, concurso de balcóns floridos, actividades deportivas e relixiosas, e sobre todo, a xornada grande do domingo 2 de xuño con desfile de carrozas, batalla de flores e fogos artificiais entre outros moitos contidos.

O programa completo para as festas está dispoñible na páxina web do Concello de Pontereas: www.ponteareas.gal

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS