O pleno no que a corporación de Ponteareas elixirá a súa nova alcaldesa será este venres, 21 de maio, ás 20.00 horas, tras a dimisión do rexedor Xosé Represas (BNG) por motivos de saúde. A alcaldesa accidental desde decembro, Cristina Fernández Davila, será a alcaldesa de Ponteareas.
Despois de que o alcalde nacionalista desde 2007, elixido nos dous últimos mandatos, Xosé Represas, presentase a súa renuncia ao cargo o pasado 29 de abril por motivos de saúde, a corporación municipal elixirá en pleno, este venres, ás 20.00 horas, a nova alcaldesa do municipio.
A primeira tenente alcalde e concelleira de Educación, Eventos, Saúde e Consumo, Cristina Fernández Davila (BNG), exerce como rexedora accidental desde o pasado decembro, pola baixa por enfermidade do alcalde. Ao ter a maioría na corporación o bipartito (BNG-PSOE) a súa elección para suceder a Represas no cargo está asegurada. Será a segunda alcaldesa de Ponteareas despois de Nava Castro que gobernou de 2000 a 2003.
Actualmente goberna en Ponteareas o bipartito BNG-PSOE; O Bloque ten 9 edís e o PSOE ten 3, mentres que o PP ten 5 edís e ACIP, 4.
No pleno deste venres tamén tomarán posesión os dous novos edís do BNG. Francisco Alonso, que volve á política municipal tras exerder no anterior mandato como concelleiro de Facenda. Tamén se incorporará Lola Covelo, número 12 na lista do BNG, que sustituirá a ata agora edil de Deportes, Nahir Covelo, que renuncia ao cargo por «motivos profesionais e persoais».