O novo polígono, situado na parroquia de Louredo, contará cunha superficie de preto de 480.000 metros cadrados
A directora de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Consellería de Economía e Industria, Margarita Ardao e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mantiveron hoxe no salón de sesións do Concello de Mos unha reunión de traballo para abordar o novo parque
empresarial de Arrufana en Louredo.
A Xunta adxudicou en novembro do 2023 a redacción do Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE) para a creación deste parque empresarial situado na parroquia mosense de Louredo.
O contrato para a elaboración do plan, autorizado polo Consello de Administración da empresa pública Xestur, pretende ordenar unha superficie de preto de 480.000 metros cadrados en terreos deste concello para poñela á disposición do tecido empresarial.
A ampliación dos parques empresariais enmárcase no obxectivo do Goberno galego de rematar esta lexislatura con oito millóns de metros cadrados de solo industrial. Unha medida que xunto á do solo público empresarial de titularidade autonómica a custe cero durante os primeiros oito anos de actividade facilitará a atracción de empresas coa finalidade de potenciar a actividade económica e a creación de emprego de calidade, toda vez que o sector industrial é un potente factor de innovación e competitividade e un área crucial para o proceso de transición ecolóxica e dixital.
Pola súa banda Arévalo, rexedora local mosense, apuntou que “con este novo solo empresarial en Arrufana, Mos poderá seguir crecendo como territorio de oportunidades de economía e emprego, ao contar co polígono da Veigadaña ao completo”. “Somos o 4º municipio con maior tecido industrial da provincia e cun horizonte de crecemento neste senso, polo que é fundamental a man tendida da Xunta de Galicia para proporcionar este balón de osíxeno para o futuro empresarial de Mos, como é este novo solo no que seguir progresando en Arrufana”, concluíu a alcaldesa Nidia Arévalo.