domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaA música de cámara chega ás carballeiras e parques de Salceda

A música de cámara chega ás carballeiras e parques de Salceda

O Concello e a Banda Cultural de Salceda organizan o I Festival de Música de Cámara con actuacións en emprazamentos ao aire libres nas diferentes parroquias.

Ao longo deste mes de maio, a agrupación musical desprazarase polas diferentes parroquias do municipio para actuar en pequenos grupos de cámara en contornas naturais. Sempre con capacidade limitada e se a meteoroloxía o permite.
Así, o ciclo de concertos dará comezo o sábado, ás 20.30 horas, no Borralliño (Soutelo), continuará o domingo ás 13.00 horas en Penedo Redondo (Parderrubias) e o luns, festividade das Letras Galegas, haberá actuación ás 13.30 horas nos Agoeiros (Santa María) e ás 20.30 horas no torreiro da Ascensión (Entenza).
O percorrido de concertos ao aire libre continuará a vindeira fin de semana. O sabado 22, ás 13.00 horas, está prevista unha actuación na Carballeira da Igrexa en Budiño e pola tarde, ás 20.30 horas, outra na Poza do Cabalo (Picoña). E para rematar, o domingo 23, ás 20.30 horas, na Carballeira da Laxe (San Xurxo).
Dende a organización agradecen a colaboración das comunidades de montes para facilitar a celebración desta iniciativa que se enmarca dentro da programación do 17 de maio.

Programación Letras Galegas

Un programa, o do Día das Letras Galegas, que trae diferentes eventos e actividades a Salceda de Caselas neste mes das letras.
Mañá pola tarde, na Praza do Concello, celebrarase a “Feiriña do libro” adiada fai unhas semanas pola meteoroloxía adversa. O domingo 16, ás 20.30 horas no auditorio municipal, Isabel Risco presenta ‘Bravas, a nosa historia, con saias e a rachar’, un espectáculo dirixido por Fran Rei. O propio luns celebrarse a cuarta Mostra de Maios e haberá unha lectura continuada de textos de Xela Arias, ás 11.30 horas na Praza do Concello. O broche de ouro será o vindeiro sábado, día 29, ás 11.30 horas no cemiterio parroquial de San Xurxo, co acto de sinatura de vontades galeguizadas “En galego, agora e sempre”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS