O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Leo Costas, informa de que se despregará fibra en Atín, Casal, Casalmorto, Roublín, unha parte de Campo de Eiró e Rebullón, que suman un total de entre 400 e 500 vivendas que poderán beneficiarse da conexión de internet de banda longa
O pasado venres 7 de maio o concelleiro mosense de Novas Tecnoloxía, Leo Costas, mantivo por videoconferencia unha reunión, acompañado por técnicos municipais, con representantes da empresa teleoperadora R para desbloquear e avanzar na implantación da banda longa no municipio, para o que R recibiu unha subvención estatal.
Costas fixo un balance moi positivo da xuntanza e informa de que xa están listos para despregar fibra en varios lugares do municipio: Atín, Casal, Casalmorto, Roublín, unha parte de Campo de Eiró e Rebullón, que suman un total de entre 400 e 500 vivendas que poderán beneficiarse da conexión de internet de banda longa.
Entre 400 e 500 vivendas poderán beneficiarse da conexión de internet de banda longa no prazo dun mes e trabállase para dar o mesmo servizo a outras 900 máis
A implantación tardará poucas semanas polo que, se todo transcurre segundo o previsto, a veciñanza destes 6 barrios disporá de fibra ótica de cara a finais do vindeiro mes de xuño ou principios de xullo.
O edil de Novas Tecnoloxías, Leo Costas, avanzou que na próxima reunión con R prevese desbloquear a posibilidade de dar servizo de internet de banda longa a outras 900 vivendas máis, cubrindo gran parte da parroquia de Sanguiñeda, e o resto de Pereiras, Petelos, Tameiga e Mos.
Proxecto
A empresa R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U adheriuse ao Programa Extensión da Banda Larga de Nova Xeración da Administración Xeral do Estado, que promovía despregamentos de redes ultrarrápidas de acceso a internet no territorio galego.
Con prazo ata 2020, a empresa R Cable como beneficiaria dunha subvención despregou redes ultrarrápidas en núcleos de toda Galicia (entre eles debería ter estado Mos), que posibilitan servizos de acceso a Internet de de mais de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica.
A última das convocatorias do Estado, publicada en abril de 2018, contou cunha dotación de 18,5 millóns de euros para Galicia, coa que os operadores puideron continuar incrementando a velocidade de acceso a internet en zonas nas que non había servizo de redes ultrarrápidas, tal era e é, o caso de Mos.
Moitas das caixas de fibra das que parte o cableado xa se atopan instaladas ao longo e ancho do termo municipal. Unha vez unha caixa de fibra se atopa instalada, é cuestión de semanas a realización da conexión das vivendas do barrio no que se atopa, ao servizo de internet de banda longa