Os concellos da Cañiza, O Carballiño, Mondariz, Mondariz Balneario, Maside e Melón asinaron un convenio de colaboración mútua o pasado 13 de decembro para solicitar o PERTE de dixitalización do ciclo da auga
Ademais, o pasado 9 de maio, os 6 alcaldes asinaron un Poder na Notaría da Cañiza para concederlle ao Alcalde Luis Piña a representación para tramitar a subvención.
Esta agrupación de concellos solicitou unha axuda total de 4.999.683,60€ , ao abeiro da orde publicada no BOE do 2 de agosto de 2023 que, en caso de ser aprobada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, permitirá elaborar proxectos de mellora da eficiencia do ciclo urbano das augas, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Unha subvención que beneficiará a unha poboación total de 28.065 veciños e que ten por obxectivo conseguir un uso máis eficiente da auga, mellorar a xestión do abastecemento e lograr mellores niveis de aforro deste ben natural.
Para acadar este propósito dixital poderanse implementar equipos de medida e de control de parámetros, plans de emerxencia, plans integrais de xestión dos sistemas de saneamento, plans para o fomento da auga rexenerada, plans municipais de protección civil fronte a inundacións, estudos para o diagnóstico, o control e a xestión de fugas estructurais, estudos hidroxeolóxicos e unha modelización cartográfica e numérica das redes de abastecemento e saneamento.
A cantidade solicitada polo Concello da Cañiza foi de 1.499.896,36€, destinados a mellorar a eficiencia e dixitalización da rede de conducción en alta e de distribución en baixa, instalación de contadores de auga e mellora da eficiencia dos sistemas de saneamento e depuración, entre outras actuacións.