A Xunta de Galicia acaba de licitar por máis de 1,9 millóns de euros, IVE incluído, as obras para construír unha estación depuradora de augas residuais (EDAR) no río Mendo co fin de mellorar as actuais infraestruturas de saneamento no Concello de Salvaterra de Miño.
Cun prazo de execución de 18 meses, a futura instalación hidráulica está deseñada para aguantar un caudal horario punta de 118,00 m3/h, correspondente aos 2.310 habitantes esperados no horizonte do ano 2040.
Ademais da nova EDAR, os traballos licitados comprenden tamén outras actuacións como a construción dun colector de conexión á rede da parroquia de Oleiros, un pozo de bombeo ou un colector-emisario para o vertido do efluente xa depurado ao río Miño.
Cómpre lembrar que o Goberno galego e o Executivo local asinaron o pasado mes de xaneiro un convenio en virtude do cal ambas administracións se comprometeron a colaborar na construción dunha nova EDAR no municipio, actuación cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
En virtude dese acordo, a Xunta asumirá o 90% do custo da actuación (é dicir, 1,7 millóns de euros) e encargarase de contratar as obras a través do organismo autonómico Augas de Galicia, mentres que o Concello de Salvaterra achegará o 10% restante (0,2 millóns de euros) e mais os terreos, ademais de facerse cargo da posta en servizo da instalación.
As empresas interesadas en optar ao contrato para a construción da nova depuradora no río Mendo teñen de prazo ata o vindeiro 7 de xuño para presentar as súas ofertas a través de medios electrónicos.