A xornada celebrarase o vindeiro xoves 16 de maio enmarcada na iniciativa Día da Xuventude da Xunta de Galicia
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Mocidade, Julia Loureiro, veñen de informar que o vindeiro xoves 16 de maio, de 16.00 horas a 21.00 horas da tarde celebrarase no exterior do Multiusos das Pozas o Día da Xuventude promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia.
Está dirixido aos mozos e mozas mosenses de entre 12 e 35 anos, así como un espazo de construcións para nenos e nenas de 6 a 12 anos. Ao final da sesión haberá a actuación dun artista, para amenizar o peche da xornada.
As representantes municipais, Arévalo e Loureiro, explicaron que “neste evento levaranse a cabo distintas actividades e obradoiros educativos que teñen como obxectivo sensibilizar, entreter e formar á mocidade local, así como dar a coñecer outras actividades dirixidas a eles/as”.
As devanditas actividades serán cócteis sen alcohol, futbolín humano, tiro con arco, espazo de construcións, punto informativo para a mocidade, concienciación ambiental, xogo de escape e realidade virtual, expresión artística: obradoiro de arte colaborativo, educación en igualdade de xénero sobre tipos de violencia, fomento das habilidades para a empregabilidade, kahoot! e espazo musical.
A rexedora local mosense destacou que o obxectivo desta iniciativa é “ofrecer á mocidade mosense, que serán os nosos adultos do mañá, opción de lecer saudable e sostible a través de experiencias de calidade”. “Os asistentes o vindeiro xoves ao Multiusos” continuou, “vivirán unha experiencia única baseada nunha proposta de ocio responsable grazas ao proxecto da Xunta de Galicia”.
Trátase dunha iniciativa totalmente gratuíta para o público asistente, un espazo seguro, con diversión baseada na Igualdade, a diversidade e respecto polo medio ambiente.