O Concello organizou un acto de presentación de ambas modalidades, aproveitando para facer unha homenaxe a José García Calvo, Willy, a persoa que comezou en 1997 ca Andaina de Allariz. A súa muller Montse Rosell Pujol contou anécdotas das vinte e cinco edicións da andaina nas que Willy participou activamente na organización da man do persoal municipal de Allariz. Ademais de ser un referente na comunidade deportiva, conta moitos amigos en Allariz, unha vila que lle garda un especial agarimo.
O concelleiro de Deportes, Carlos Puga, nos explicou a dinámica deste edición. O punto de partida e chegada será o Complexo Deportivo de Vilanova. “Os participantes terán a oportunidade de desfrutar da beleza dos montes que rodean o núcleo de Allariz, as beiras do Arnoia e a Reserva da Biosfera, así como do encanto do casco urbano”.
As inscricións realizaranse exclusivamente de forma online a través de SPORTMANIACS, con límite ata as 23:59 horas do mércores 12 de xuño. O custo é de 18 euros para o trail longo e curto e de 12 euros para a andaina e o mini-trail.
O acto pechouno Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, resaltando a importancia que ten a Andaina de Allariz, “xa que se converteu na máis histórica de Galiza”.